Batman: Arkham Knight volverá a PC a finais de mes
venres, 2 de outubro do 2015
A deficiente calidade da versión para PC do xogo Batman: Arkham Knight levou
á súa distribuidora a retiralo das tendas físicas e en liña, para evitar
así achegar aos xogadores con ordenadores persoais unha experiencia
decepcionante e frustrante, e tras meses pulindo o xogo para que o sen
rendemento fose satisfactorio (como practicamente conseguiron na actualización
publicada hai un mes) finalmente dende Warner Bros Interactive
Entertainment anuncian que a
finais de mes devolverán o xogo ás tendas, momento no que tamén publicarán
os contidos descargables que foron aparecendo para a versión do xogo para Xbox
One e PlayStation 4.
Deste xeito, en poucas semanas os usuarios que xa compraran Batman: Arkham Knight para
PC poderán gozar por fin do capítulo descargable protagonizado por Batgirl; skins que permiten disfrazar o batmóbil
do xogo como se fose o da película de Batman de 1989 ou a do filme de 2008; o
lote de skins que permite gozar de 4
aparencias adicionais de Batman (a dos xogos Arkham Asylum e Arkham
Origins, a de Batman Black &
White, do filme de Batman dirixido por Tim Burton e incluso a estética que
presenta o heroe nos cómics dos anos 70) e un de Catwoman, Nightwing e Robin; 6
novos niveis de desafío para Batman, Nightwing, Catwoman e Robin; e unha nova
historia que presenta a Nightwing enfrontándose ao Pingüín. A estes contidos
iranse engadindo algúns máis nos vindeiros meses até completar o pase de tempada do xogo.
- Entre os últimos contidos descargables para o xogo temos unha historia protagonizada por Nightwing.