Microsoft desvelou hoxe os xogos que ofrecerá en novembro sen cargo adicional aos subscritores de pagamento de Xbox LIVE, e tras un par de meses bastante frouxos, elevou inmensamente o nivel para ofrecer unha selección de grandes títulos que agradecerán moitos.
Por unha banda, a partires do 1 de novembro será posible facerse en Xbox One con Battlefield 1, o grande xogo de guerra total que Electronic Arts lanzou hai un par de anos, e que foi todo un éxito, polo que quen non se fixese con el ten agora unha excelente oportunidade de achegarse á súa campaña e ao seu multixogador con ata 64 xogadores. Para Xbox One tamén ofrecerán a partires do día 16 o xogo Race the Sun, título independente de carreiras aéreas contra o tempo sen moitas pretensións.
Os xogos de Xbox 360 de novembro, que grazas á retrocompatibilidade poden recuperarse en Xbox One, son moi interesantes, pois na primeira quincena do mes teremos ao primeiro Assassin’s Creed, convidando a revisar os inicios da franquía agora que mudou profundamente en xénero e escala; e na segunda quincena de novembro teremos Dante’s Inferno, un xogo que podía considerase inspirado en God of War, pero mudando a ambientación da mitoloxía grega ás páxinas de A Divina Comedia, concretamente no poema no que Dante percorre os Nove Círculos do Inferno para rescatar a alma da súa amada Beatriz.
Temos, en definitiva, un novembro no que 3 dos 4 xogos entrarían na categoría de AAA, o que é moi de agradecer nun momento no que tanto Microsoft como Sony estaban a pecar de ofrecer títulos independentes de pouco interese aos seus subscritores de pagamento.
Vídeo promocional do Xogos con Gold de novembro
