Beat Saber estrea multixogador en PSVR

luns, 25 de outubro do 2021 Marcus Fernández

O xogo de realidade virtual Beat Saber non cesa de incorporar temas musicais e novidades nas súas distintas versións, o que agradecerán desta volta os usuarios de PlayStation VR, que coa última actualización poden gozar do modo multixogador que facilita os enfrontamentos con amigos ou rivais aleatorios de todo o mundo, que poden competir en partidas públicas ou privadas de até 5 persoas, elixindo temas musicais de balde do xogo base ou ritmos dos lotes de música que os usuarios tivesen adquirido.
Neste novo modo podemos personalizar o noso avatar, creando un alter ego virtual futurista que exprese a nosa personalidade e estilo.
Os xogadores reciben insignias para saber como lles foi na partida (de xeito que indicarase quen foi o máis preciso ou quen foi o máis lento); os resultados poden verse nunha cerimonia de podio con fogos artificiais; e incluso poden personalizarse as cores do multixogador (elixindo as cores dos cubos e os sables).
Aparte do modo multixogador, estes días tamén están a estrear unha nova cancións de balde co gallo da Halloween, Spooky Beat, de Jaroslav Beck, que ambientarase nun contorno con temática arrepiante.

PUBLICIDADE