Beatriz Legerén, recoñecida nos V Premios Mulleres no Foco

venres, 17 de outubro do 2025 S. P.

As profesionais do audiovisual Beatriz Legerén, Lucía Veiga e Silvia Fuentes son as gañadoras da quinta edición dos premios Mulleres no Foco, entregados no auditorio da sede de Afundación de Pontevedra: un certame promovido pola Deputación e a Asociación de Mulleres CIMA que ten o obxectivo de “dar visibilidade ao papel da muller no sector do audiovisual”.
A cerimonia de entrega destes galardóns, que estivo amenizada coa música de Guadi Galego e Margarida Mariño, contou coa participación do presidente provincial, Luis López, e do conselleiro de Cultura, José López, así como das tres gañadoras destes galardóns e da presidenta de CIMA, Guadalupe Balaguer, e a asistencia das dezasete nomeadas.
O presidente provincial sinalou que “abonda con facer unha procura nun dos portais máis populares de Internet e comprobar que nas mellores películas da historia segundo os usuarios nin unha soa muller é protagonista principal”. Para “corrixir esta invisibilidade”, dixo, “cómpre seguir abrindo o foco para que no plano entren todas esas historias en feminino que se quedaron nas marxes, ou que nin sequera formaron parte nunca dun guión; que o foco se pouse sobre as mulleres actrices e que no primeiro plano se sitúe o seu talento”.
Unha causa, a do recoñecemento e visibilidade da muller no sector audiovisual, á que contribúen especialmente as tres profesionais recoñecidas nesta quinta edición dos premios Mulleres no Foco:
-Beatriz Legerén, pioneira no ámbito dos videoxogos e contidos interactivos en Galicia, comprometida coa igualdade e a diversidade no sector e que compaxina o seu labor profesional coa docencia na Universidade de Vigo. Actualmente é profesora de deseño de videoxogos, máis concretamente centra o seu traballo docente na creación da historia e o guión dos mesmos. O seu traballo no ámbito do deseño de produtos interactivos iniciouse no ano 1993 coa creación do produtora Píxel Grafics especializada en CG. Logo crea a empresa Interacción que se converte na primeira axencia interactiva de Galicia, ademais da primeira produtora dun videoxogo de temática celta para PC, no cal realizou as funcións de produtora Executiva. Con posterioridade traballou no deseño (guión) de videoxogos para diferentes plataformas e pantallas.
-Lucía Veiga, actriz, monologuista e presentadora de ampla traxectoria no cinema que suma nomeamentos de prestixio como a dos premios Goya; é presidenta da Academia Galega do Audiovisual.
-Silvia Fuentes, produtora nova, versátil, con visión de futuro e comprometida cun xeito de facer cinema que pon o foco nos coidados, a diversidade e o traballo colaborativo.
A cerimonia de entrega destes quintos premios Mulleres no Foco, que repartiu tres premios dotados con 5.000 euros cada un, comezou arredor das 20 horas deste venres 17 de outubro coa recepción dos asistentes no hall da sede Afundación. Xa no interior do auditorio, deu comezo unha gala que estivo conducida pola actriz, recoñecida cun dos galardóns, Lucía Veiga. Unha cerimonia que contou coa colaboración da presidenta de CIMA, Guadalupe Balaguer; do conselleiro de Cultura, Jose López Campos; e do propio presidente provincial, Luis López, para entregar os premios. Guadi Galego e Margarida Mariño abriron e pecharon coa súa música unha gala que concluíu cunha foto de familia.

Vídeo coa retransmisión da gala de entrega dos premios