Beats anuncia uns auriculares en colaboración con Jennie

mércores, 3 de setembro do 2025 Marcus Fernández

A marca especializada en música de Apple, Beats, parece terlle collido o gusto a lanzar edicións especiais dos seus produtos froito da colaboración con outras marcas e artistas, e ao igual que o ano paso lanzou auriculares inspirados en Minecraft ou en colaboración con Kim Kardashian, este ano optaron por colaborar coas marcas de moda Sandy Liang e Kiko Kostadinov, sorprendendo agora anunciando que o vindeiro venres porán á venda uns auriculares Beats Solo 4 en colaboración con Jennie (de Blackpink).
Os novos auriculares Beats Solo 4 edición especial Jennie chegarán en cor vermello rubí, en consonancia co último álbum da cantante surcoreana (titulado Ruby). A sorpresa deste dispositivo é que non se limita a lucir unha cor vermella moi viva na súa carcasa e na súa funda de transporte, senón que tamén inclúe uns lazos vermellos a ambos lados e elementos decorativos na diadema e nunha as almofadas.
O produto xa figura na páxina de Apple nos EE.UU. a un prezo de 199,99 dólares, confiándose en que cheguen a España a un prezo de 229,95 euros. Cómpre lembrar que, deseño aparte, estamos ante uns auriculares de diadema moi completos, con soporte de audio especial con seguimento dinámico da cabeza, a posibilidade de gozar de audio sen perda mediante cable, un peso de só 217 gramos e unha autonomía de ata 50 horas.

A colaboración de Beats con Jennie resulta moi rechamante pola arriscada aposta estética, pero chega nun momento no que o K-pop é un fenómeno global, polo que poden conseguir influír moi positivamente na percepción de marca