Beditas estreouse en FITUR con solucións 360º para dixitalizar hoteis e aloxamentos
martes, 28 de xaneiro do 2025
A nova firma innovadora galega Beditas estreouse en FITUR, a feira turística máis relevante do panorama estatal (que foi quen de reunir nesta 45º edición a 9.500 empresas, de 156 países diferentes), e fíxoo cun espazo expositivo (10B47) situado no pavillón 10 de IFEMA.
Alí, a empresa galega de solucións tecnolóxicas para o sector turístico presentou as súas innovadoras propostas centradas en tres grandes segmentos de negocio: Hospitality (recepción e estadía autónoma para aloxamentos turísticos); Display (soporte tecnolóxico para facilitar o labor informativo, achegando unha organización máis eficiente nas oficinas de turismo); e Museum (xestión autónoma de museos e centros de interpretación).
O director executivo (CEO) da empresa, Alexandre Paz, e a directora da área de TI, Sandra Ameijeiras, presentaron en SEGITTURLab as características da nova solución Beditas Hospitality. No seu relatorio debullaron ante o público, formado por profesionais do sector turístico, como o software desenvolvido automatiza os procesos para xestionar a estancia de principio a fin, “de maneira intuitiva e accesíbel para clientes, profesionais do sector e dirección dos aloxamentos, ofrecendo unha recepción libre de barreiras mentres se mellora a eficiencia operativa e o rendemento do establecemento”. Explicaron que esta solución ofrece “unha estadía autónoma para os hóspedes, mellorando a súa experiencia e o servizo recibido grazas ás vantaxes que ofrecen, entre as que se inclúen check in e check out en liña, integración co PMS (programa de xestión do aloxamento), apertura da habitación desde dispositivos móbiles ou reloxos intelixentes, escaneos de DNI e sinatura de documentos, verificación de identidade mediante selfie, envío da documentación á Policía, pago nun só clic desde o móbil, comunicación por parte do hóspede de posíbeis incidencias na habitación, tarxetas tockenizadas e diferentes métodos de pago, contratación de servizos de hotel e solicitudes de transporte (taxi, carsharing…)”.
Ademais, a caseta de Beditas en FITUR recibiu a visita da ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, que se achegou durante o seu percorrido pola feira para interesarse polas solucións tecnolóxicas que ofrece a empresa no camiño resolver as necesidades de establecementos hostaleiros, oficinas de turismo, destinos turísticos e entidades locais, museos ou centros de interpretación.
Beditas continuará presentando as súas solucións durante a feira sectorial de Madrid, onde os asistentes poderán descubrir de primeira man as súas ferramentas e o seu enfoque innovador para o turismo do futuro.
Beditas nace da man de Dos Espacios, empresa de Vilagarcía especializada no sector TurisTech, que conta cunha ampla experiencia na prestación de servizos en consultoría turística e tecnoloxía aplicada a este sector: elaboración de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), diagnóstico e plan de acción en Destinos Turísticos Intelixentes (DTI), xestión do dato turístico e sistemas de predición, posta en valor de recursos turísticos (Realidade aumentada, Virtual e Metaverso) promoción de destinos nacionais e internacionais, identificación de novas oportunidades de negocio, deseño e creación e organización de produto turístico, entre outros eixos de actuación.
A compañía Dos Espacios, que ademais da súa sede en Vilagarcía dispón de delegacións en Santiago de Compostela e Madrid, forma parte do Hub de Innovación Turística (HIT) de Telefónica, a través do que presta apoio e soporte técnico experto a Destinos Turísticos Intelixentes, Administracións Públicas e empresas deste sector.