Belén Puime arranca a segunda temporada de Pringadas para AGalega
venres, 26 de xullo do 2024
A CRTVG volve a confiar na creadora e directora galega Belén Puime apostando por unha segunda temporada da serie Pringadas para a súa plataforma Agalega. A TVG volve ser partícipe na produción dun proxecto para o público adolescente, en galego, que nos conta as historias de Catu, Xoana e Antía, interpretadas por Lara Álvarez, Carmela Vázquez e Camila Ferreyra respectivamente.
Nestas novas situacións, as tres compañeiras de piso estarán acompañados por un novo elenco: Miguel Canalejo, Suso Cortegoso, Ana Oca e Fernando Rivas.
A produción recae a cargo de Brava, con Bea Villar á fronte, quen estivo presente dende o nacemento do proxecto, ao igual que Miguel Gomar, director de fotografía da serie.
Tras unha primeira tempada que de gran éxito entre o público xuvenil galego e entre a crítica nacional, Pringadas volve presentarnos as historias de tres rapazas que se apoian, cometen erros e perden os nervios ao tentar sobrevivir a ese “espazo baleiro” que hai entre a adolescencia e a vida adulta.
Belén Puime, nada na Coruña en 1998. Con 22 anos é produtora executiva da longametraxe Un Sol Radiant, gañadora no Festival D’’A 2023 na categoría de novos talentos. No 2021, presenta no Carballo Interplay a idea da serie Pringadas (Filmin), coa que se alzou como gañadora a Mellor Idea de Proxecto, e coa que posteriormente logrou ser finalista nos premios Mestre Mateo 2023 como Mellor Serie Web e proclamarse gañadora a Mellor Serie en VO en galego no Carballo Interplay 2023. Actualmente Belén continúa traballando en Galicia na dirección de proxectos dixitais como A Previa (AGalega) ou Conexión co Reino (protagonizado por Prado Rúa).