Belkin anuncia un novo interruptor conectado

luns, 9 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Belkin está a facer interesantes aportacións á domótica a través da súa familia de dispositivos WeMo, entre os que era un dos produtos máis significativos o Interruptor WeMo, que conectado a un enchufe permite o apagado e acendido de dispositivos eléctricos do fogar directamente dende o iPhone facendo uso dunha aplicación de balde para iOS, e que pode empregarse tanto dende a rede local doméstica como dende fóra (sempre que o WeMo estea conectado á Internet a través dunha rede Wi-Fi doméstica) e agora anuncian un dispositivo evolucionado deste, o Interruptor WeMo Insight, que terá un prezo de 59,99 euros e inclúe funcións de monitorización.
O Interruptor WeMo Insight non só poderá controlarse dende o smartphone ou tablet (tanto con iOS como con Android) e acepta programación horaria, senón que tamén controla o consumo, de xeito que podemos recibir notificacións en función do seu consumo enerxético, o que permítenos saber se deixamos o televisor acendido ou se a lavadora rematou o seu programa.
O novo dispositivo tamén é compatible con IFTTT, servizo en liña que mediante receitas permite programar reaccións, facilitando que poidamos controlar este interruptor conectado a través de correo electrónico, redes sociais ou distintos servizos en liña (o que podería servir, por exemplo, para acender un enchufe en función das condicións meteorolóxicas).
Teremos que agardar ao mes de decembro para ver o novo produto da familia WeMo nas tendas e na páxina web de Belkin.

PUBLICIDADE