Belkin presenta un sinxelo transmisor de vídeo sen fíos

luns, 5 de xaneiro do 2026 Marcus Fernández

Belkin presentou no marco do CES 2026 unha nova gama de accesorios tecnolóxicos orientados a mellorar a forma na que os usuarios traballan, xogan e se conectan co ecosistema dixital. As novidades do seu catálogo inclúe baterías externas e cargadores sen fíos Qi2 de 25 watts de alto rendemento, unha funda con cargador e soporte integrado deseñada especificamente para a Nintendo Switch 2 e un adaptador HDMI sen fíos para transmisión de vídeo.
Precisamente este último produto foi dos máis salientables. Trátase dun adaptador sen fíos de pantalla HDMI ConnectAir (modelo ACV024), unha solución compacta e de uso inmediato que permite transmitir vídeo desde dispositivos con USB-C a pantallas externas sen necesidade de conexión Wi-Fi, aplicacións adicionais nin controladores. O sistema é capaz de clonar ou estender contidos de vídeo en resolución 1080p a 60 Hz, cun funcionamento pensado tanto para espazos profesionais como educativos ou de mobilidade, como aulas, salas de conferencias ou desprazamentos frecuentes.
O ConnectAir destaca polo seu baixo nivel de latencia, inferior aos 80 milisegundos, o que garante unha reprodución fluída e uniforme do contido audiovisual. A conexión establécese mediante un emparellamento seguro entre emisor e receptor, cun alcance máximo de 40 metros, o que facilita a súa utilización en espazos amplos sen perda apreciable de calidade. O adaptador é compatible con portátiles, tabletas e smartphones con USB-C en modo DisplayPort Alt Mode, mentres que o receptor HDMI pode conectarse indistintamente a televisores, monitores ou proxectores.
Outra das características salientables é a posibilidade de empregar ata oito transmisores distintos cun mesmo receptor, permitindo que varios usuarios compartan vídeo por quendas nun mesmo espazo. O sistema é compatible con diferentes sistemas operativos e inclúe tanto un receptor USB-A a HDMI como un transmisor USB-C.
O adaptador HDMI ConnectAir de Belkin chegará ao mercado durante o primeiro trimestre de 2026 cun prezo recomendado de 109,99 euros.