BenQ CT2200, un equipo todo-en-un baseado en Android

mércores, 15 de maio do 2013 Marcus Fernández

Nun momento nos que os tablets están a converterse nos produtos de maior crecemento no mercado da electrónica de consumo, BenQ fai unha interesante achega cunha orientación diferente a través da súa pantalla CT2200, que cun panel táctil de 21,5 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles preséntase como un dispositivo con Android 4.0.4, de xeito que estariamos nunha especie de todo-en-un baseado no sistema operativo de Google, o que tamén poderiamos ver como un tablet de escritorio.
Este curioso equipo funciona cun procesador Cortex A9 de dobre núcleo, 1 Gb de RAM e 8 Gb de almacenamento interno, está doado con altofalantes estéreo, 2 portos USB e un porto micro USB, toma de auriculares, webcam de 1,2 Mpíxeles, lector de tarxetas microSD, saída de vídeo micro HDMI, conector Ethernet e Wi-Fi N, que poderiamos ver como un tablet xigante se non fose polo seu peso de máis de 5 quilogramos. Tamén inclúe un pé que permite a súa colocación como un monitor estándar ou inclinalo para permitir un uso táctil máis cómodo.
Este tipo de produto está pensado para acceder ás numerosas aplicacións de Google Play dun xeito semellante a como vemos un ordenador hoxe en día, facilitando tamén a exploración de coleccións fotográficas, o acceso a ficheiros na nube, a realización de videoconferencias dun xeito cómodo e doado, ver vídeos en liña e moitos outros usos, que incluso poderían levarse ao salón da fogar grazas á posibilidade de empregar un móbil ou tablet como mando a distancia ou como fonte de contidos multimedia a reproducir nunha pantalla dun tamaño suficiente que facilite a súa visualización no ámbito familiar.

O BenQ CT2200 pode inclinarse para facilitar o uso da súa pantalla táctil

PUBLICIDADE