Bertamiráns acolle este venres 10 a cuarta gala do Certame Galetiktokers

luns, 6 de novembro do 2023 S. P.

O Certame Galetiktokers celebra este venres 10 de novembro a gala da súa cuarta edición e será ás 20 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns onde se leve a cabo este evento. Estamos perante unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e de Normalización Lingüística do Concello de Ames, que se realiza por cuarto ano consecutivo e que ten como obxectivo fomentar a creatividade da rapazada e animar a creación de vídeos en galego a través das redes sociais e das novas canles de comunicación amais de darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers.
Indo ao encontro en cuestión, dicir que estará presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, @Pradorua e @Gabiig8, e amenizado polo grupo de rock amesán, Onda Dagda, composto por mozos e mozas que ensaian na Factoría. A cantante é María Iglesias, alumna do IES do Milladoiro e gañadora do concurso Canta con Ames en 2022. A gala é aberta ao público e para reservar praza cómpre confirmar asistencia até as 14 horas do 8 de novembro, enviando un correo electrónico ao enderezo: galetiktokers23@gmail.com.
Nesta cuarta edición presentáronse 51 vídeos, realizados por máis de 120 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. En canto á recompensa, dicir que se repartirán seis premios de 300€, que suman un total de 1.800 euros. Na primeira categoría (mozas e mozos de 13 a 16 anos) presentáronse 27 vídeos, e na segunda categoría (mozas e mozos a partir de 17 anos) hai 22 vídeos admitidos.
Catro dos premios (os dous vídeos mellor valorados en cada unha das categorías) decídeos o xurado, que está composto por María Rúa Rodríguez, creadora de contido en galego (@Pradorua); Noelia Francisco Lens, especialista en comunicación audiovisual; e Gabriel García Calvo, creador de contido en galego (@Gabiig8). Para seleccionar os vídeos gañadores, o xurado tivo en conta o atractivo das pezas no seu conxunto, tanto na forma como no contido, e valoraron aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística.
Os outros dous premios foron escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames XA! (@xuventudeames). Así, o vídeo de cada categoría que obtivese máis Gústame!; será o que reciba o galardón. Deste xeito, cada categoría recibe tres premios: dous do xurado e un do público.