Best Buy filtra numerosos detalles do Moto 360

luns, 18 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Espérase que Motorola presente o seu agardado smartwatch Moto 360 o vindeiro 4 de setembro, pero parece que poucas van ser as sorpresas durante tal presentación, pois a páxina web de Best Buy amosou accidentalmente o produto para a súa venda, desvelando moita información sobre o mesmo, entre as que destaca a súa principal incógnita, o prezo, que finalmente sería o prognosticado por boa parte dos medios especializados: 249,99 dólares (186,67 euros).
A filtración tamén confirmaría que o Moto 360 funcionaría con dispositivos que funcionen con Android 4.3 ou superior e entre as súas prestacións detallaría que a súa pantalla táctil de 1,5 polgadas terías unha resolución de 320 x 290 píxeles con Corning Gorilla Glass 3, integraría pulsímetro, sería resistente á auga, tería un sensor de luz ambiental, 512 Mb de RAM, Wi-Fi N e un procesador Texas Instruments, ou sexa que confirmaría a meirande parte das especificacións que se rumorearan durante o que vai de verán.
Outras características citadas serían a conectividade Bluetooth 4.0, a posibilidade de aceptar ordes por voz, alertas por vibración e función de podómetro, así como o feito de que inclúe base e cargador. O seu peso sería duns 60 gramos e o seu grosor de 1 centímetro.

PUBLICIDADE