Besteiro salienta o carácter referencial de Tarlogic en ciberseguridade e ciberintelixencia
xoves, 3 de abril do 2025
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou esta mañá a sede da empresa tecnolóxica Tarlogic, no concello de Teo, que puxo de modelo como o tipo de empresas que debera apoiar Goberno galego neste novo escenario europeo marcado pola transición dixital tecnolóxica e medioambiental.
Trala súa visita á empresa, á que cualificou de “referente en ciberseguridade e ciberintelixencia, exemplo do importante talento galego que atesouramos”, emprazou á Xunta a “cooperar e colaborar” co Estado fronte á ameaza da ofensiva comercial iniciada por Donald Trump.
O responsábel socialista puxo á empresa de Teo como “mostra das posibilidades que se abren para a industria galega nos eidos da seguridade, da industria e da xeración de maiores e mellores empregos para Galicia”.
Tamén emprazou a aproveitar o marco xeopolítico para “traballar por unha independencia económica, tecnolóxica en Europa e polo tanto tamén en Galicia, onde non valen as medias tintas”.
Besteiro visitou a empresa Tarlogic xunto coa portavoz de Industria do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias, o secretario de Innovación, IA e Transformación Dixital da Executiva do PSdeG, Fran Cardama, e o secretario de Acción Territorial e Formación do PSdeG, Aitor Bouza.
Tarlogic é un dos principais provedores europeos de servizos de ciberseguridade: un equipo técnico de especialistas en solucións de última xeración para prover servizos de auditoría, pentesting, xestión de vulnerabilidades e resposta.