Besteiro visita a sede na Coruña de Xoia Extending Reality
xoves, 8 de febreiro do 2024
O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este 8 de febreiro a Estratexia Galega de Innovación do seu partido, que, de ser posta en práctica, “tería capacidade para transforma dixitalmente os sectores máis tradicionais da nosa economía", sinalou durante unha visita á empresa tecnolóxica Xoia Extending Reality, na Coruña, onde comprobou en primeira persoa os seus importantes avances en Realidade Aumentada.
Besteiro debullou en Xoia as principais propostas do seu programa electoral para o despegue definitivo da innovación e a tecnoloxía en Galicia. Segundo sinalou, “o sistema galego de I+D+i ten problemas persistentes que seguen reflectindo as cifras oficiais do INE”. Explicou que a eiva principal é "o investimento empresarial en I+D, que se segue situando por baixo da media española -51,8 por cento fronte o 56,8 por cento en España”, e tamén o feito de que "o perfil das empresas que invisten en I+D siga sendo de empresas de máis de 250 empregados".
O candidato avogou por potenciar e multiplicar os centros de innovación e tecnoloxía en colaboración coas universidades galegas, a empresa privada e os organismos públicos, co “obxectivo de crear un entorno fértil para o nacemento e multiplicación de proxectos de I+D+i.
Tamén avogou por “intensificar de maneira eficaz unha ambiciosa política de impulso da innovación para a transformación dixital das pemes galegas, especialmente nos sectores tradicionais, poñendo o foco nas firmas que se encontran máis afastadas do circuíto da innovación, e que teñen máis dificultades para chegar ás axudas a innovación que se ofertan dende a administración autonómica”.
Criticou que o Goberno galego “menosprece ao sector tecnolóxico, tratándoo como unha industria auxiliar, cando ten potencialidade abondo para ser unha industria propia que exporte e innove de Galicia para o mundo”, sinalou, engadindo que “non queremos tecnolóxicas para facer proxectos pequenos para a empresa local”, senón que reivindicou un modelo ambicioso que “cree solucións para exportar ao resto do mundo”, igual que no resto dos polos tecnolóxicos.
O candidato socialista mantivo unha conversa co director executivo (CEO) de Xoia, Xoel Vázquez, e os principais responábeis da firma para compartir perspectivas sobre como abordar esta problemática a través dunha estratexia de país, e as súas experiencias empresariais e perspectivas de futuro.
Co exemplo de empresa Xoia Extending Reality, o candidato animou a aproveitar a experiencia adquirida para a aplicación práctica de tecnoloxías disruptivas, como Intelixencia Artificial, a Internet das Cousas, a robótica e o Big Data, afrontando retos específicos para Galicia como a xestión sustentel de recursos naturais, a mellora dos servizos e o impulso da industria local. Dixo que estas iniciativas serven como “incubadoras de startups tecnolóxicas”.
Galicia Dixital Skills
Besteiro debullou os principais proxectos da Estratexia Galega para a Innovación, que comezan coa iniciativa Galicia Dixital Skills, como aposta pola formación e capacitación en TIC, un programa que, sinalou, “supón a formación e capacitación en habilidades dixitais e tecnolóxicas para empresas e profesionais” e incluirá cursos especializados co obxectivo de cubrir as necesidades emerxentes en tecnoloxías disruptivas, garantindo o talento necesario para o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia. A estratexia tamén abrangue un plan plurianual de incentivos para a I+D+i e o lanzamento do Programa InnovaTIC Galicia de impulsos económicos e de mentoring para startups e pemes que busquen o desenvolvemento en proxectos tecnolóxicos punteiros. Este buscará tamén a participación activa de grandes empresas como partners tecnolóxicos e de innovación, creando un modelo de colaboración único co reforzo dos Hubs de Innovación Dixital -HUD-.