Betabeers Galicia celebrará a súa XIII edición no marco de Smart Weekend

venres, 30 de maio do 2014 Marcus Fernández

Aproveitando que entre os días 6 e 8 de xuño o Coliseum da Coruña acolle a primeira edición de Smart Weekend, LAN party que colle o relevo da histórica Arroutada Party, teremos unha nova edición de Betabeers Galicia na cidade herculina, que desenvolverase o día 6 de 20:00 a 21:30 horas e onde poderase escoitar un relatorio técnico sobre o desenvolvemento de interfaces adaptables con HTML5, CSS3 e JavaScript impartido por Esteban Vázquez e Antonio Varela (socios fundadores de Tesla Technologies & Software) ao que seguirán as presentacións dun par de interesantes proxectos galegos: Avelino Correa darán conta da súa ferramenta CreAPPcuentos e Fátima Andrade explicará a súa experiencia de creación do marketplace con código aberto Saborplace.
Este encontro está patrocinado polo espazo de coworking WeKCo e, como vén a ser costume neste tipo de eventos, prégase a inscrición en liña por limitacións de aforo.

Interfaces adaptables

Alberto Basalo impartindo un relatorio técnico un anterior Betabeers na Coruña

O relatorio principal desta nova edición de Betabeers pode resultar de grande interese para os desenvolvedores de aplicacións móbiles e web que frecuentan esta serie de eventos, pois aborda o reto de conseguir unha boa presentación da información de aplicacións en distintos dispositivos (ordenadores, smartphones, televisores conectados, pantallas táctiles...) para o que as tecnoloxías web están a consolidarse como o camiño tecnolóxico máis empregado para tal fin. No relatorio de Esteban Váquez e Antonio Varela abordaranse as verdades e os mitos da creación de interfaces empregando HTML5, CSS3 e JavaScript.

Proxectos

Presentación dun proxecto galego unha pasada edición de Betabeers

As iniciativas galegas que explicarán o seu desenvolvemento tamén son dignas de mención, pois CreAPPcuentos é un dos proxectos que está a acadar máis recoñecementos na nosa comunidade nos últimos meses grazas ao enorme potencial que ten esta ferramenta que permite crear contos interactivos dende tablets, o que resulta de grande utilidade para fomentar a imaxinación dos cativos e a interacción cos pais.
Saborplace, pola súa banda, pode servir de bo exemplo de creación dunha tenda en liña baseándose en Prestashop, unha das solucións tecnolóxicas de comercio electrónico de código aberto máis empregada a nivel mundial hoxe en día.

PUBLICIDADE