Bethesda amosa os seus novos xogos no E3

luns, 15 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Aínda que o habitual na feira E3 é que as presentacións de fabricantes como Sony ou Microsoft capten todas as miradas, na presente edición resultou especialmente rechamante a presentación de Bethesda, compañía que gardou para a feira de videoxogos grandes anuncios para os vindeiros meses, entre os que destacan os primeiros vídeos do novo DOOM e de Fallout 4, a estrea do xogo móbil Fallout Shelter, o anuncio dos xogos The Elder Scrolls: Legends e Dishonored 2 e a achega de novos detalles de The Elder Scrolls Online: Tamriel Unlimited, BATTLECRY e Dishonored: Definitive Edition.


Trailer do novo DOOM>
Os detalles sobre Fallout 4 eran do máis agardado, e tras verse novas escenas do xogo e confirmarse que o teríamos nas tendas o 11 de outubro, houbo un par de sorpresas que chamaron poderosamente a atención, como o feito de que este xogo para Xbox One, PS4 e PC vaia contar cunha edición especial chamada Fallout 4 Pip-Boy Edition, que terá un prezo de 119,99 dólares e incluirá un accesorio que replica a aparencia do Pip-Boy que aparece no xogo (dispositivo electrónico que pode vestirse no antebrazo) no que poderemos colocar o noso smartphone para poder empregar a aplicación que complementa a experiencia de Fallout 4.
Igualmente curioso é que tanto iPhone coma iPad teñan o novo xogo de balde Fallout Shelter, que consiste en administrar un refuxio subterráneo Vault-Tec de última xeración. Un xogo que non sorprenderá pola súa orixinalidade, pero que ao ser de balde de seguro que capta a moitos seareiros da franquía.
Pero a saga que parece querer rivalizar en atención coa de Fallout tampouco queda curta, xa que Dishonored chega por partida dobre. Por unha banda temos que en agosto estrearase Dishonored: Definitive Edition, a previsible adaptación do memorable Dishonored ás novas consolas de videoxogos e incluíndo os seus contidos adicionais. Pero polo que o público estaba a agardar claramente era por Dishonored 2, xogo que tampouco se fará esperar moito, e que sairá á venda en primavera de 2016 para Xbox One, PS4 e PC, servindo de secuela, pero separándose bastante no tempo da anterior historia (neste caso os acontecementos transcorren 15 anos despois) e mantendo os elementos que fixeron destacar esta emerxente franquía. O sistema de combate brutal, os trebellos pouco habituais e o uso de poderes sobrenaturais volverán a ser distintivos deste xogo de acción en primeira persoa no que poderemos encargar a Emily Kaldwin ou a Corvo Attano.


Trailer de Dishonored 2

PUBLICIDADE