BiciCoruña empregará IA para mellorar a súa xestión
martes, 19 de novembro do 2024
Dende o Concello da Coruña veñen de anunciar un novo algoritmo para optimizar o servizo municipal de bicicletas Bicicoruña. Estamos perante unha ferramenta innovadora para mellorar a eficiencia operativa, satisfacción e comodidade das persoas usuarias do sistema de bicicletas públicas da cidade. Deste xeito, con este sistema, o Goberno de Inés Rey quere mellorar a xestión do servizo de Bicicoruña, fomentando o seu uso por parte da cidadanía.
Indo á novidade, dicir que este software, desenvolvido pola empresa Qucit, está centrado na optimización das operacións de micromobilidade compartida. A través de algoritmos preditivos e loxísticos optimizaranse operacións, automatizando e mellorando procesos clave: facendo unha distribución máis eficiente das bicicletas, reducindo custos operativos e aumentando a dispoñibilidade de vehículos para as persoas usuarias. "Con esta medida queremos asegurar que as bicicletas estean dispoñíbeis nas estacións cando máis se necesitan pero tamén no mellor estado dispoñíbel" sinalou a concelleira de Mobilidade e Infraestruturas, Noemí Díaz.
Con este novo software farase unha mellor predición da demanda, anticipándose ás necesidades das estacións e suxerindo accións para reequilibrar a distribución de bicicletas; a xestión dos modelos defectuosos, identificando e priorizando a reparación dos mesmos; e optimizar rutas, mellorando os desprazamentos dos vehículos que realizan tarefas de mantemento e reequilibrio para reducir tempos e desprazamentos. "Esta é quizais unha das funcións máis importantes pois permitirá reducir os desprazamentos innecesarios e, con iso, a pegada de carbono", sinalou Díaz.
Asemade, o novo sistema inclúe un cadro de mandos centralizado para supervisar en tempo real o estado das estacións, as tarefas en curso xunto cunha aplicación móbil que facilitará aos equipos de campo organizar e completar as súas quendas de traballo. O concelleiro de Educación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, salientou que a posta en marcha do sistema levará aparellada unha formación do persoal: "Farémolo dende a área de Innovación, poñendo en valor os recursos propios e o noso persoal".