Bing ofrece a creación de vídeo de OpenAI de balde

luns, 2 de xuño do 2025 Redacción

Microsoft deu un novo paso na súa estratexia de intelixencia artificial coa estrea de Bing Video Creator, unha ferramenta de balde que permite xerar vídeos curtos a partir de descricións textuais. A funcionalidade, xa dispoñible na aplicación móbil de Bing e en breve tamén para escritorio, está impulsada polo modelo Sora de OpenAI e permite transformar calquera idea escrita nun vídeo de cinco segundos de duración.
O servizo forma parte da evolución do buscador Bing cara a unha experiencia máis interactiva e creativa, tras a integración recente de Copilot Search. Os vídeos poden xerarse en formato 9:16, con opción para 16:9 prevista nunha futura actualización. A ferramenta permite ter ata tres vídeos en cola e ofrece a posibilidade de escoller entre modos de xeración rápida ou estándar. Inicialmente, os usuarios contan con 10 vídeos rápidos de balde, podendo obter máis mediante puntos de Microsoft Rewards.
A compañía de Redmond asegura que a ferramenta cumpre cos seus estándares de IA responsable, incorporando controis para evitar a xeración de contido nocivo e implementando marcadores de procedencia baseados no estándar C2PA en todos os vídeos. 

Vídeo promocional do creador de vídeo de Bing