Bingo Crack: novo xogo dos creadores de Apalabrados

mércores, 13 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Cando Máximo Cavazzani, director xeral de Etermax e creador do popular xogo Apalabrados visitou España para participar nos encontros The App Date (Madrid) e BDigital (Barcelona) aproveitou a ocasión para dar a coñecer o que sería o seu xogo Mezcladitos, e agora que está en España participando no eShow Barcelona repite a xogada presentando o seu terceiro xogo, Bingo Crack, actualmente dispoñible para iPhone, e que en breve chegará a Android e Facebook (tendo prevista tamén a súa chegada a BlackBerry 10 e Windows Phone), como os títulos anteriores de Etermax, que fixeron da multi-plataforma a súa principal forza.
Este xogo ofrece dúas modalidades de Bingo (con 75 ou 90 bolas) permitindo que os usuarios xoguen cos amigos ou contra usuarios aleatorio en salas orixinais que poderán desbloquearse segundo vaian subindo de nivel e podendo empregar powerups para dinamizar a experiencia de xogo. Aínda que os usuarios que non queiran están moi atados ao xogo tamén poderán seleccionar a opción de automarca que destacará de xeito automático os números que vaian saíndo nas partidas que xogaremos coas moedas que se ofrecen de balde inicialmente (e que poden tanto gañarse como mercarse con cartos reais dende a propia aplicación).

Apalabrados en galego

Os xogos de Etermax están a ter moita relevancia en España, chegando a ser elixido Apalabrados como o xogo do ano na App Store local, á vez que Mezcladitos conseguiu converterse en xogo da semana. Ambos títulos beben da mesma base de datos de usuarios e dos mesmos dicionarios que facilitan xogar a buscar palabras en inglés, italiano, francés, alemán, portugués, sueco, holandés, español, catalán e éuscaro, linguas ás que espérase a incorporación do galego o vindeiro venres, grazas en boa medida á achega da empresa Cilenis, spin-off da USC especializada no desenvolvemento de solucións informáticas para o proceso da linguaxe.

PUBLICIDADE