BioShock Infinite chega ás tendas

martes, 26 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Un dos primeiros xogos supervendas para a Xbox 360 foi sen dúbida BioShock, que finalmente chegou a máis plataformas (como PS3, Windows e OS X) conseguindo crear unha franquía de grande reputación, principalmente polo grande coidado estético e narrativo adoptado, o que levou inicialmente ao desenvolvemento dunha secuela continuista (BioShock 2), pero que para manter a historia viva optouse por unha terceira entrega, BioShock Infinite, que só está conectado coas anteriores pola súa temática, pero contando con novos personaxes, contornos e mesmo mecánicas de xogo.
Este novo título de Irrational Games chega hoxe ás tendas españolas, e sitúanos nun hipotético ano 1912, cando bota a andar a cidade flotante de Columbia como un símbolo dos ideais americanos, que remata desaparecendo entre as nubes. Neste contorno asumiremos o papel de Booker DeWitt, un ex axente de Pinkerton enviado a Columbia a salvar a Elizabeth, unha moza que leva alí prisioneira dende a súa infancia e que xuntos procurarán fuxir.
Mentres os primeiros BioShock amosaban a auga como elemento distintivo, desta volta temos o aire, con grandes combates aéreos, tanto en interiores como entre as nubes, á vez que aproveitarase o poder dunha chea de armas e habilidades.
BioShock Infinite é un dos principais lanzamentos do presente ano, chegando en versións para PC, Xbox 360 e PlayStation 3 acompañado dun trailer impresionante:

PUBLICIDADE