Bioga incrementou un 103% a súa cifra de socios, incluído o centro tecnolóxico Gradiant
luns, 7 de xullo do 2025
O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) fixo balance da súa actividade dende 2019, poñendo o foco na consecución dunha clara e destacada gráfica ascendente en materia de firmas e entidades integrantes e facturación. Segundo fixo saber, foi quen de incrementar o seu número de socios un 103% desde 2019, ano do primeiro impacto da pandemia da COVID-19, feito que representou o afianzamento da biotecnoloxía en Galicia e a súa consideración como sector estratéxico para o tecido económico e o ámbito da saúde.
Nese exercicio de 2019 Bioga contaba con 67 socios. Hoxe representa a 136 axentes do ecosistema biotecnolóxico de Galicia, que facturan máis de 1.500 millóns de euros, xeran 5.500 empregos, invisten cada ano 114 millóns de euros en I+D e representan o 1,8 por cento do Produto Interior Bruto (PIB) da comunidade autónoma galega.
Bioga celebrou o seu XXV Asemblea de Socios no novo Centro de Investigación Mestrelab (CIM), en Santiago de Compostela, que ratificou para o período 2025-2026 aos membros da súa xunta directiva, que está presidida por José Manuel López Vilariño, de Hijos de Rivera. A vicepresidencia ocuparaa Carme Pampín Casal, de GalChimia; e a secretaría correrá a cargo de María Seoane Ramil, de BFlow. As tres vogalías estarán ocupadas por Pablo Álvarez Freire, de Mestrelab; Mónica Valladares Andrade, de Lonza Biologics Porriño; e Andrés Fernández Álvarez-Santullano, de Zendal Health.
Na actualidade integran Bioga 136 axentes. Ademais, a asemblea tamén serviu para dar a benvida aos novos socios distribuídos pola xeografía de Galicia e o resto de España. En 2024 incorporáronse seis firmas: Konexio Biotech Consulting, Orixe Salgada, Viva Architect, pibGroup Iberia e a fundación FEUGA. Tamén se incorporou Gradiant, centro tecnolóxico vigués que é un dos grandes referentes actuais do ámbito da eSaúde, da IA e da Internet das Cousas a nivel español e europeo.
O presidente de Bioga, José Manuel López Vilariño, fixo un repaso dos fitos alcanzados en 2024 e presentou os novos proxectos e accións para 2025, destacando a súa aposta pola “internacionalización e pola apertura de novos mercados” en terceiros países.
Así, dixo, Bioga afianzará a súa Área de Internacionalización e neste ámbito xa deseñou e ten en marcha servizos que ofrece aos seus socios de análises de mercado, selección de potenciais clientes e socios tecnolóxicos, asesoramento estratéxico, identificación de convocatorias e socios para proxectos, organizacións de misións comerciais e atracción de financiamento privado internacional.
Ao seu xuízo, o ecosistema galego, xa consolidado no seu territorio, “ten o reto de apostar pola apertura de novos mercados, onde se abren múltiples oportunidades no ámbito da investigación e dos negocios”. Ademais, considera que o tecido biotech galego ten “capacidade e talento” para explorar novas contornas en países do exterior.
Bioga programou para o segundo semestre de 2025 unha misión inversa de Carolina do Norte en Galicia en setembro, outra misión comercial a Francia (Bretaña e Isla de Francia) e a presenza en Bio-Europe, que será no mes de novembro en Viena. O Clúser tamén traballa, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), no deseño para os próximos anos da Estratexia de Excelencia da Biotecnoloxía. Ademais, lanzará o XI BioInvestor Program e iniciar as accións para deseñar e desenvolver unha nova edición de Galicia Biodays, que está prevista para a primavera do próximo ano.
Entre as accións desenvolvidas polos socios de Bioga, José Manuel López Vilariño, destacou pola súa relevancia o III Encontro Investir en Ciencia Si é Rendible, organizado por Unirisco entre o 19 e o 20 de febreiro de 20025. Nesta cita participaron máis de 400 investigadores, 80 relatores de sete universidades españolas e europeas e tamén acudiron líderes do ecosistema de ciencia, tecnoloxía e investigación.
