Bioshock precisará dunha instalación de 5 Gb en PS3

mércores, 10 de setembro do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 81.6 KB

A impresionante e case cinematográfica ambientación de Bioshock para PC e Xbox 360 fixo que o xogo de 2K fose un dos maiores éxitos para a consola de Microsoft, o que levou aos seus responsables a adaptalo para a PlayStation 3, pero os usuarios da consola de Sony que queiran facerse co título a partir do 24 de outubro deben saber que o xogo precisa dun proceso de instalación que leva máis de 10 minutos e no que fai uso de 4.980 Mbytes de datos do disco duro da consola, o que resulta un tanto rechamante porque a versión para Xbox 360 funciona directamente dende DVD.
Está claro que o uso disco duro por parte do xogo acelerará a transición entre fases (que dende disco pode ser algo lenta) pero a espera para poder botar unha primeira ollada ao xogo, así coma o espazo de disco ocupado (que nos modelos menos recentes de PS3 é un ben escaso) pode resultar frustrante, especialmente porque se está a converter nunha tendencia.
O xogo é un shooter en primeira persoa que non está recomendado para menores de 18 anos pois se trata dun xogo de terror no que o usuario debe sobrevivir en Rapture, unha inmensa utopía submarina devastada por unha guerra xenética e que presenta unha estética art déco que lle dá unha personalidade única á aventura na que aparecen fascinantes personaxes.
Como vantaxe, a versión de PS3 incorporará dende o comezo as actualización e contidos descargables que foron saíndo para Xbox 360 e incluso contará con algunha novidade.


Trailer de Bioshock presentado na Games Convention

PUBLICIDADE