Bixby por fin fala español

martes, 11 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Coa presentación do Samsung Galaxy S8 anunciouse un asistente virtual de Samsung, Bixby, que pretendía competir co Asistente de Google e con Siri, e que polo momento non podiamos probar como é debido xa que o seu servizo de voz non funcionaba en español, até hoxe mesmo, cando bota a andar a beta de Bixby en castelán, variante lingüística que súmase ás probas do inglés británico, o alemán, o francés e o italiano (estando o produto máis maduro en inglés de EE.UU. e coreano). O asistente chega a España con dous estilos de voz (Sandra e David) para que cadaquén elixa o tipo de voz que lle resulte máis agradable.
Bixby busca axilizar a interacción co teléfono, facéndoa máis natural, á vez que o asistente adáptase paulatinamente ao usuario, aprende das súas rutinas e fai que as aplicacións máis usadas respondan mellor e máis rápido. O asistente está por fin dispoñible para os smartphones Samsung Galaxy Note9, que presentan un botón físico para invocar a Bixby ao que por fin pode dárselle un bo uso, podendo así empregar a voz como un xeito máis natural de interacción.
O usuario pode optar por invocar a Bixby mediante a voz, mediante xestos ou premendo o mencionado botón físico do seu móbil, para logo darlle instrucións sobre a execución de aplicacións, a modificación de opcións de configuración e mesmo a solicitude de información a aplicacións compatible, ou sexa, que podemos empregar Bixby para chamar por teléfono empregando a voz, para preguntar pola información meteorolóxica, para consultar os prezos do carburante ou os resultados de LaLiga, para programar alarmas, consultar o calendario, tomar notas ou, simplemente, realizar consultas ao asistente sobre información xeral.
Temos así unha ferramenta moi na liña das de Google, Amazon ou Apple, pero que aínda está nunha fase inicial, polo que non pode competir en igualdade de condicións con asistentes que levan anos funcionando, pero que promete avanzar a bo ritmo, de xeito que nos vindeiros meses comezaremos a ver como Bixby vai máis aló do móbil, chegando a altofalantes conectados, televisores e outros dispositivos.

PUBLICIDADE