BlaBlaCar supera os 332.000 usuarios en Galicia

martes, 19 de outubro do 2021 S. P.

Coincidindo co 12º aniversario da súa irrupción en España, a plataforma BlaBlaCar, centrada en facilitar as viaxes compartidas a través as novas ferramentas, vén de facer balance da súa presenza en España (onde ten 7 millóns de usuarios) e en Galicia, onde chegou xa á cifra de 332.715. “A nosa actividade no ámbito estatal”, sinalan dende a empresa, “alcanzou niveis de actividade das mesmas datas de 2019 a finais de agosto e conseguiu un máximo histórico de reservas na ponte do Pilar”.
No balance tamén se destaca que “case un 13% dos galegos xa é usuario de BlaBlaCar”, usuarios que percorren unha distancia media en cada viaxe compartida de 335 quilómetros, 105 quilómetros máis que en 2020, a un prezo medio de 14 euros por viaxe. Doutra banda, a distribución dos usuarios por provincias en Galicia é a seguinte: A Coruña con case 144.000, seguida por Lugo con 66.000, Ourense con 61.000 e, por último, Pontevedra con máis de 60.000.
A nivel nacional, case un 15% dos españois xa é usuario de BlaBlaCar, porcentaxe que se eleva ao 37% no caso da xente nova de entre 18 e 35 anos. A distancia media que percorren en cada viaxe compartida é de 270 quilómetros, 14 quilómetros máis que en 2020, a un prezo medio de 12 euros por viaxe. E aínda que a idade media da comunidade creceu até os 32 anos, o perfil por sexos segue sendo moi homoxéneo: a metade de homes (53%) e a metade de mulleres (47%).

PUBLICIDADE