Marvel’s Blade podería cancelarse nos vindeiros días
martes, 30 de xuño do 2026

- Marvel’s Blade anunciárase en decembro de 2023 e o seu desenvolvemento estaría a rexistrar adiamentos que poderían provocar a súa cancelación
Microsoft estaría a preparar unha profunda reestruturación da súa división de videoxogos que incluiría despedimentos masivos, o peche ou venda de varios estudios e a cancelación de proxectos en desenvolvemento. Segundo adianta The Verge, a compañía anunciará a vindeira semana unha nova vaga de recortes que afectará de maneira significativa á estrutura de Xbox.
Entre as medidas que se estarían avaliando figura a cancelación de Marvel’’s Blade, o xogo desenvolvido por Arkane Studios (Francia), coñecido principalmente pola saga Dishonored. Fontes consultadas por The Verge aseguran que o lanzamento, inicialmente previsto para este ano, foi adiándose ata finais de 2027 e que o proxecto acumula importantes sobrecustos, o que levou Microsoft a considerar a súa cancelación como parte dun plan para reducir gastos.
O futuro de Arkane tamén estaría no aire. Ademais de valorar o seu peche, Microsoft exploraría a posibilidade de vender o estudio para evitar a súa desaparición. A información coincide con datos publicados previamente que sinalaban que a empresa de Redmond buscaba desprenderse de Compulsion Games, Double Fine e Ninja Theory. Pola súa banda, GamesBeat informou esta semana de que tamén procura un comprador para Undead Labs, responsable da serie State of Decay.
As negociacións para vender estes estudios poderían prolongarse durante meses e non existe garantía de que cheguen a bo porto. No caso de non atopar compradores, o escenario máis probable sería o seu peche.
A situación xa estaría a provocar inquietude entre os equipos afectados. En Compulsion Games, creadores de South of Midnight, xa se estaría advertindo aos empregados da posibilidade dun peche inminente, mentres que os traballadores de Ninja Theory foron informados este mes de que Microsoft pretende pechar o estudio británico ou segregalo da súa estrutura.
Os despedimentos, previstos para comezar o 6 de xullo segundo as fontes citadas, afectarían á maior parte da división Xbox. Diversos rumores apuntan a que poderían superar os 1.000 postos de traballo. Só o eventual peche de cinco estudios implicaría xa o impacto sobre arredor de 500 empregados, antes de contabilizar o resto das reducións de persoal.
Esta reorganización enmárcase no proceso de «reinicio» impulsado pola nova directora executiva de Xbox, Asha Sharma, que recentemente advertiu da necesidade de tomar «decisións difíciles».
