Blogger fai limpeza de primavera

mércores, 16 de maio do 2018 Marcus Fernández

O servizo de publicación de blogs de Google, Blogger, anuncia que vai realizar unha limpeza de primavera, ou sexa, que vai realizar unha serie de cambios que van dende a eliminación de funcionalidades pouco utilizadas até a incorporación de melloras, o que de xeito xeral significa a simplificación da plataforma e a mellora da experiencia de uso.
Por unha banda temos que nos vindeiros meses a integración co widget de Google+ vai transformarse en widgets HTML dando unha maior flexibilidade elixir o xeito de compartir e ver aos seareiros; o sistema de identificación de usuarios mediante OpenID elimínase completamente (polo que agora os comentarios faranse só dende contas de Google ou de xeito anónimo); e tamén desaparecerán os dominios por países de blogspot para simplificar os enderezos das páxinas web internacionalmente (ou sexa, que os blogs que estaban baixo o sufixo blogspot.com.es pasarán a estar baixo blogspot.com).
Outras funcionalidades que retiraranse ante o seu pouco uso son os gadgets de terceiros, a ligazón ao blog seguinte (para remitir a un blog recomendado), o widget de enquisas ou o Textcube.
En contraste, xa están aquí novidades moi importantes, como a posibilidade de gozar de HTTPS para dominios personalizados (facendo máis seguras as bitácoras); o multilogin (a posibilidade de saltar entre distintas contas de Google sen ter que desconectarse); e un cambio baixo o capó, a migración dos blogs a Spanner, un novo servizo de almacenamento na nube de Google.
Para os vindeiros meses tamén completarán un par de interesantes novidades: un administrador de vídeos (que fará máis doado descargar ou borrar vídeos subidos) e Google Takeout (para permitir que os usuarios poidan descargar toda a súa información).

PUBLICIDADE