Bloomberg asegura que Samsung está a traballar en varios smartphones encartables

mércores, 6 de marzo do 2019 Marcus Fernández

O Samsung Galaxy Fold conseguiu sorprender coa súa presentación hai un par de semanas, cunha proposta de smartphone con pantalla encartable apoiada por unha pantalla externa e dotada con software que facilita a transición entre ambas pantallas, pero cando se deixou ver o Huawei Mate X no MWC Barcelona houbo quen pensou que resultaba máis atractivo o deseño de empregar unha única pantalla flexible, facendo que o dispositivo se encarte coa pantalla no exterior (o que, por outra banda, pode ser un grande problema de cara a manter a integridade física da pantalla), polo que non debería sorprendernos que dende Bloomberg apunten a que Samsung está a traballar nun par de novos smartphones encartables, dos que un tería un formato semellante ao do Mate X (o que principalmente permitiría reducir o grosor do dispositivo).
Cómpre lembrar que estamos a falar dun novo segmento de dispositivos, polo que os fabricantes están a explorar as posibilidades do hardware e o software, así como a resposta do público, de xeito que tardaremos bastantes meses en saber se realmente son produtos que veñen para quedar ou rematan quedando na anécdota. De feito, nas últimas semanas puidemos ver prototipos de numerosos fabricantes chineses, que teñen nos seus laboratorios terminais semellantes ao Mate X, pero non anuncian as súas intencións de levalos ao mercado, xa que prefiren non correr riscos e comprobar antes se o mercado é receptivo a esta tecnoloxía que aínda ten moito que mellorar, tanto na calidade e resistencia das pantallas como na adaptación das aplicacións a este novo paradigma.
Dende Bloomberg aseguran que Samsung leva 8 anos traballando no Galaxy Fold, e agora o seu obxectivo é conseguir que as pantallas flexibles poidan ter unha maior duración, xa que un dobrado frecuente provoca a aparición de marcas na zona flexible da pantalla, consecuencia da que buscan fuxir, para que a experiencia de uso de teléfonos encartables non supoña un paso atrás demasiado traumático.

PUBLICIDADE