Bloquean a páxina web ayudavalencia.es por indicios de fraude

venres, 8 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Nos últimos días son moitas as iniciativas solidarias que se mobilizan a través da Rede para axudar aos afectados pola DINA de Valencia, pero tamén hai quen aproveita a situación para realizar calotes e, como medida de prevención, Red.es decidiu suspender cautelarmente, por indicios de fraude e a requirimento policial a páxina web baixo o nome de dominio ayudavalencia.es.
A Brigada Provincial de Información de Valencia da Policía Nacional recibiu unha denuncia sobre peticións da mencionada páxina web de doazóns fraudulentas de axuda económica a través de Bitcoin, o que levou a que se actuase de xeito urxente para proceder ao bloqueo do dominio da Internet, para o que Red.es solicitou a colaboración dos operadores de telecomunicacións españois para que bloqueasen de xeito inmediato a páxina web e así evitar que a cidadanía sexa vítima deste tipo de delitos por vía electrónica.
Dende o Goberno lembran que en momentos como o actual é moi importante verificar as canles de axuda que se están a pór en marcha para colaborar coa reconstrución das zonas afectadas pola DINA, para o que crearon unha nova sección na páxina web de La Moncloa e novas contas en Instagram e en X para ofrecer información oficial actualizada sobre as medidas e axudas do plan para afectados pola DINA.