Bloquean o acceso a 23 dominios de descargas dentro da operación Cascada

martes, 20 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A Garda Civil, no marco da operación Cascada, iniciou unha campaña de bloqueo de páxinas web de descargas de contidos protexidos por dereitos de autor e a súa difusión a través de ligazóns en redes P2P, que nunha primeira fase bloqueou un total de 23 dominios web que facilitaban o acceso a material audiovisual protexido, como películas, series de televisión, música e videoxogos, moitos de recente creación e incluso con obras aínda sen estrear en España.
As páxinas web bloqueadas ofrecían versións de grande calidade de películas aínda dispoñibles nos cines españois antes da súa publicación en formato físico ou dixital, e contaban con índices de visitas moi elevados, sendo algunhas bastante coñecidas, como Divxtotal.com, Estrenosdtl.com ou Gamestorrents.com.
Os dominios mencionados foron credos inicialmente por unha persoa de orixe española, que vendeu os mesmos a unha empresa con sede en Arxentina, que é a actual propietaria e administradora dos mesmos. Os espazos web utilizan distintos métodos para evitar o peche e o bloqueo das mesmas, ocultando a localización real dos seus servidores e os datos de rexistro dos dominios contratados, chegando incluso a mudar frecuentemente os servidores de país.
A Garda Civil detectou casos de dominios previamente bloqueados xudicialmente, que se reactivaban en cuestión de horas con nomes de dominio practicamente idénticos ou incluso cambiando só a extensión dos mesmos, de xeito que aínda que se realizasen bloqueos sucesivos, eran capaces de volver levantar as páxinas web en pouco tempo, de aí que tivesen que implementar unha serie de medidas que perseguen o boqueo total das mesmas dun xeito eficaz e definitivo.

PUBLICIDADE