Bluesky supera a barreira dos 20 millóns de usuarios

martes, 19 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Un día máis Bluesky informa de que segue a manter o pulo da última semana, superando os 20 millóns de usuarios rexistrados, e aproveitando a ocasión a súa directora xeral, Lantian Jay Graber, para dar conta de detalles de Bluesky como que ven Bluesky como un lugar ao que poden ir voar os paxaros que estaban pechados na gaiola de X/Twitter.
Para que nos fagamos unha idea do moito que están a conseguir temos que ter en conta que actualmente Bluesky conta con preto de 20 traballadores a tempo completo, aínda que se atopan en plena fase de contratación.
Graber, que comenta o detalle de que o seu nome de pía (Lantian) en chinés quere dicir ceo azul (asegurando que foi toda unha coincidencia); incide no feito de que Bluesky busca que os usuarios poidan organizar a cronoloxía ao seu gusto, de xeito que os algoritmos entran en xogo nos fluxos personalizados (que pode crear calquera, de aí que xa haxa máis de 50 mil fluxos aos que podemos subscribirnos); e comenta que o seu compromiso é que Bluesky sexa un ecosistema aberto cunha API aberta aos desenvolvedores (principio que traizoou Twitter, provocando a desaparición das aplicacións cliente máis populares).
Ante a boa recepción que está a ter Bluesky a grande incógnita é se conseguirán os recursos para poder manter viva unha rede que busca afastarse da centralización de plataformas como X, pois aínda non están claros os modelos de negocio que terá Bluesky.

As estatísticas de Bluesky recollen o impresionante disparo de usuarios nos últimos días