Blusens actualiza o firmware do web:tv

xoves, 26 de maio do 2011 Marcus Fernández

A actualización do web:tv facilita a instalación e desinstalación de aplicacións

A empresa galega de electrónica de consumo Blusens publicou nos pasados días unha actualización do firmware do seu produto estrela, o web:tv, trebello que achega a Internet ao televisor e tamén permite recibir e gravar da TDT en alta definición e reproducir numerosos formatos multimedia.
Con esta actualización de balde do web:tv incorpóranse melloras na navegación web (que agora permite acceder a páxinas máis aló das versións móbiles das páxinas web), incorpora o soporte de ficheiros FLV e FLAC, e tamén inclúe un instalador de aplicacións que permite que os usuarios poidan elixir as aplicacións que desexan incorporar ou ben desinstalalas en calquera momento. Agora as aplicacións tamén pode corren en segundo plano (de xeito que poden terse abertas mentres se ve a televisión ou outros contidos).
Outras melloras significativas son os novos modos de visualización e zoom da imaxe en pantalla, maior velocidade no cambio de canle e acceso á TDT, soporte de sistemas de ficheiros MACOS+ e ExFAT, mellorou a reprodución de fotografías, a reprodución de contidos HTTP e DLNA e os subtítulos.
A actualización tamén corrixiu moitos dos fallos detectados en anteriores versións. Cómpre lembrar que na anterior actualización tamén incorporaron prestacións moi agardadas como o soporte de contas Premium de Megaupload ou a detección de todo o contido de streams TS e ASF.

PUBLICIDADE