Boa parte das axudas do IGAPE para autónomos e pemes (173 millóns) destinaranse a impulsar a súa transformación TIC

venres, 10 de xaneiro do 2025 S. P.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta convocará na primeira quincena de xaneiro a maior parte das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) para pemes e persoas autónomas, co obxectivo de “facilitarlles que poidan planificar con antelación as súas necesidades de financiamento e coñecer os apoios públicos dos que van dispoñer”. Boa parte destas axudas irán destinadas a permitirlles dar relevantes avances en transformación TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
Segundo indicou, son un total de 15 liñas de axuda que suman 172,6 millóns de euros que sairán publicadas nos Diarios Oficiais de Galicia (DOG) dos vindeiros días 13 e 14 de xaneiro, que van ser sobre todo de carácter económico. Beneficiaranse delas milleiros de empresas galegas, que poderán solicitalas este mesmo mes.
En concreto, as liñas que sairán publicadas proximamente divídense en tres bloques. Por un lado, as relativas a financiamento, que suman 110 millóns de euros. Son as de acceso ao crédito (19 millóns de euros); os préstamos directos (50 millóns de euros); os préstamos para grandes empresas (37 millóns de euros); e as novacións das débedas de IGAPE (4 millóns de euros).
No bloque de competitividade, que ascende a 47,3 millóns de euros, destacan, por importe, as axudas para a atracción de empresas (12 millóns de euros); convocarase tamén a segunda edición dos apoios a startups (1,5 millóns de euros); os de obradoiros multidisciplinares para pemes (1 millóns de euros); para equipamento e investimentos xerais (10 millóns de euros); transformación dixital (3 millóns de euros); os apoios aos clústeres (3 millóns de euros); o programa ReAcciona (2,8 millóns de euros); e a liña para os provedores da automoción (14 millóns de euros).
No que respecta ao eido da innovación, que suma 15,2 millóns de euros, sairán publicadas nos vindeiros días o novo Ticket Innova (1 millóns de euros), a liña para a implantación da Intelixencia Artificial IA360 nas pemes (10,2 millóns de euros), que se convoca como novidade por primeira vez, e o IGAPE Innova (4 millóns de euros).
De todo este montante de 172,6 millóns de euros, un total de 83,5 millóns de euros proceden de fondos propios (case o 50%) e os restantes son Fondos FEDER, procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) e do Fondo de Transición Xusta. A isto hai que sumarlle as axudas para internacionalización, que serán convocadas no primeiro trimestre do ano.