Bob Esponja súmase ao novo xogo de carreiras de Sonic

luns, 23 de xuño do 2025 Marcus Fernández

Sonic Racing: CrossWorlds, a nova entrega da franquía de velocidade protagonizada polo ourizo azul de SEGA, estará dispoñible a partir do 25 de setembro de 2025. O título propón carreiras trepidantes a través de terra, mar, aire e mesmo o espazo, grazas a uns aneis de viaxe dimensional que permiten saltar entre mundos e escenarios fantásticos.
O xogo incluirá modos para un xogador e multixogador, tanto en liña como fóra de liña, cun sistema de personalización de vehículos que permite adaptar cada coche ao estilo de condución do usuario. Ademais, poderanse desbloquear aparellos e usar potenciadores durante as carreiras para obter vantaxe sobre os rivais.
A edición estándar incluirá o xogo base, pero os que o reserven recibirán como agasallo ao personaxe xogable Werehog (a versión transformada de Sonic en Sonic Unleashed), así como un vehículo especial e unha decoración exclusiva.
Para quen queira ir máis aló, a Edición Dixital Deluxe permitirá acceder ao xogo con tres días de antelación e inclúe o Season Pass, que ofrecerá seis paquetes de contido con personaxes convidados, vehículos, pistas e emoticonas. Entre eles están confirmados personaxes das series Bob Esponja, Avatar: A lenda de Aang, As Tartarugas Mutantes e Minecraft, ademais dun paquete de Sonic Prime que trae a Rusty Rose, Tails Nine e Knuckles Dread desde o lanzamento.
O novo tráiler, estreado nos Nickelodeon Kids’ Choice Awards esta fin de semana, amosa unha pista ambientada en Fondo de Bikini e a participación de Bob Esponja e os seus amigos, que competirán xunto a Sonic e outros convidados nunha mestura interdimensional de franquías populares.
Sonic Racing: CrossWorlds promete ser unha interesante aposta no xénero das carreiras arcade ao xuntar universos de videoxogos, animación e televisión nunha mesma grella de saída dispoñible para PC, PS4, PS5, Xbox One, Xbox Series X|S e Nintendo Switch.

Novo tráiler do xogo