Bob.io, a ferramenta para facturas maletas vía móbil, desembarca na Coruña

venres, 30 de outubro do 2020 S. P.

A startup española Bob.io desembarcou na Coruña para dar servizo online aos viaxeiros que vaian facer desprazamentos en avión. En concreto, achegará aos usuarios-viaxeiros un servizo vía móbil para poder facturar maletas dende a casa e evitar deste xeito a cola da facturación. A firma opera carrexando a equipaxe nun lugar e nunha hora fixada para, posteriormente, facturala. O pasaxeiro poderá recollela logo na cita de equipaxes do aeroporto de destino. “O obxectivo da nosa innovación en dixitalización”, explican os responsábeis de Bob.io, “é contribuír a crear unha experiencia de viaxe máis cómoda e segura contra a COVID-19”. E coa vantaxe de poder facelo dende o móbil de cada quen.
O da Coruña convértese así no terceiro aeroporto elixido por Bob.io despois da súa chegada en xullo a Madrid e Barcelona. Desde este momento, os viaxeiros que voen con Iberia desde o aeroporto galego poderán gozar deste servizo por só 20 euros a primeira maleta e 5 euros por cada maleta adicional ou de maneira gratuíta para os socios de Iberia Plus.
A activación do servizo pode facerse enteiramente a través do móbil ou computador. O primeiro paso é facer o check-in en liña para conseguir o cartón de embarque. Logo cómpre acceder á web de Bob.io e indicar o horario e lugar de recollida da equipaxe. A continuación, os condutores de Bob.io acoden a polo mesmo, encárganse de verificar a identidade do cliente seguindo os protocolos de seguridade aérea internacionais, precintan as maletas para garantir que non poidan manipularse e factúranas no aeroporto. “O viaxeiro só ten que recoller as súas maletas directamente na cinta de equipaxes do aeroporto de destino”, explican.
Bob.io ten acordo coas principais compañías de voos en España entre as que se atopan Iberia, KLM, Iberia Express, Air France e Latam Airlines, cubrindo máis de 200 rutas de voo a máis de 60 países de destino diferentes.

PUBLICIDADE