Boeing e GAIN desvelan ante 300 estudantes as posibilidades profesionais dos drons

mércores, 13 de novembro do 2019 Redacción

Este mércores o Aeródromo das Rozas (Castro de Rei, Lugo) acolleu a inauguración das xornadas Drone Days, organizadas por Boeing co obxectivo de achegar ao alumnado de secundario as máis que relevantes posibilidades profesionais que se abren cos vehículos non tripulados e todas as innovación tecnolóxicas que os acompañan. Na cita participou a directora da axencia galega GAIN, Patricia Argerey. As xornadas celebraranse no mesmo emprazamento lucense durante dez días. Participan 300 alumnas e alumnos.
As sesións Drone Days, que se celebran coa colaboración da Xunta, a través de GAIN, tamén contaron coa presenza de Neves Seoane, responsábel do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), sede do evento. Nas xornadas, enmarcadas nas actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia, Argerey lembrou que o obxectivo dos obradoiros é “introducir aos estudantes, de xeito dinámico e entretido, no uso e funcionalidades das tecnoloxías vinculadas aos drons e familiarizalos coas súas aplicacións e uso”. Argerey contextualizou esta actividade de divulgación nos compromisos asinados entre a Xunta de Galicia e os seus socios no marco da Civil UAVs Initiative co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade galega, en especial o interese polas carreiras STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e o sector aeroespacial.
Asemade, recordou amais dos Drone Days e das Aulas Newton, organizadas conxuntamente con Boeing na provincia de Lugo, está previsto celebrar outros obradoiros, charlas, concursos e visitas ao CIAR, entre outras. O programa de vocacións científico-tecnolóxicas pretende chegar a mais de 1.000 escolares, mais de 100 universitarios e preto de 2.000 persoas interesadas neste segmento do sector aeroespacial.

Alumnado de toda a provincia

Patricia Argerey na inauguración das xornadas

Durante dez días, estudantes de secundaria de Burela, Castro de Rei, Lugo, Monforte e Xove, sobre todo de 2º e 3º da ESO, participarán en sesións de cinco horas de duración. O aforo máximo é de 30 alumnos por xornada e as inscricións xa teñen o aforo completo. Ao longo das sesións desenvolveranse diferentes obradoiros prácticos e exercicios de simulación tanto de voo con drons como de realización de mapas. Para iso, traballarase con imaxes e fotografías tomadas dende vehículos aéreos non tripulados (UAVs).
Os estudantes que participan na iniciativa traballarán en grupos de cinco ou seis persoas empregando un ordenador portátil e unha emisora de dron de simulación. Ao finalizar o obradoiro, realizarase unha saída á plataforma do aeródromo para que os participantes poidan observar voos reais de trebellos aéreos, con toma de imaxes e exercicios prácticos.
Patricia Argerey aproveitou para facer balance das Aulas Newton, unha actividade que Boeing e First Scandinavia executaron en colaboración co Concello de Lugo durante tres semanas e que remataron o domingo pasado. Esta actividade, que pretende achegar as materias STEM a alumnado de nove países europeos, acolleu centros de ensino de toda a provincia (Castroverde, Chantada, Guitiriz, A Fonsagrada, Friol, Lugo, A Pastoriza e Xove) durante doce días. En total, fixo saber, 339 estudantes tiveron acceso á Aula, o que, xunto co público xeral, suma un total de preto de 1200 visitantes.

PUBLICIDADE