Boeing e Xunta selan un acordo para impulsar en Lugo a formación en aeronáutica

martes, 16 de xullo do 2019 Redacción

O proxecto Civil UAV Initiative, o polo de innovación e desenvolvemento aeroespacial das Rozas (Lugo), vén de recibir un novo importante impulso. Este pulo deuse a coñecer onte, no marco do sétimo congreso de Isarra (Sociedade Internacional de Investigación Atmosférica Usando Aeronaves Remotamente Tripuladas), que reúne en Lugo (até o 23 de xullo) a uns setenta expertos internacionais no ámbito da instrumentación atmosférica aplicada ás aeronaves non tripuladas. A cita foi inaugurada pola directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, quen anunciou a colaboración da Xunta e a multinacional Boing para pór en marcha unha aula móbil dende a que facer avanzar a formación en matemáticas e aeronáutica. Habilitarase en outubro.
Durante a súa intervención, a directora tamén salientou o compromiso da Xunta de Galicia co devandito Polo Aeroespacial de Galicia, cuxo investimento público-privado total ascende a 164 millóns de euros. Asemade, recalcou o traballo conxunto entre a Xunta e o INTA para converter As Rozas “no centro de investigación e innovación de referencia arredor dos avións non tripulados, co obxectivo último de crear en Galicia un ámbito de especialización nun sector de intensidade tecnolóxica alta e cun gran potencial de crecemento como é o aeroespacial”.
A respecto do acordo con Boeing, sinalou que Lugo será o primeiro emprazamento da iniciativa de formación móbil, a Aula Newton, unha contribución divulgativa que busca estimular as vocacións científico-tecnolóxicas, formando en matemáticas e aeronáutica a través da experimentación práctica, entre alumnos de primaria e secundaria.
A posta en marcha da aula é unha das actuacións previstas no programa de vocacións científico-tecnolóxicas da Civil UAVs Initiative, que a Xunta de Galicia levará a cabo en colaboración cos socios estratéxicos Indra, Babcock e Boeing para estimular as carreiras STEM entre os máis novos.

PUBLICIDADE