Boiro, Rianxo e A Pobra achegan formación tecnolóxica para fomentar o emprego no Barbanza
venres, 24 de outubro do 2025
Os Concellos de Boiro, Rianxo e A Pobra levan a cabo no curso 2025/2026 unha nova edición do Programa Integrado de Emprego para o que xa están abertas as inscricións. Os alcaldes de Boiro, José Ramón Romero; Rianxo, Julián Bustelo; e A Pobra, José Carlos Vidal; presentaron o programa deste ano.
Trátase dun programa que os tres concellos levan a cabo de forma conxunta co obxectivo de “lograr unha maior empregabilidade na comarca”. Segundo indicaron, baséase nunha metodoloxía innovadora onde as persoas usuarias son protagonistas da súa propia transición profesional con formación avanzada, emprego de tecnoloxías e plataformas dixitais, colaboración directa con empresas e adaptación do programa a necesidades locais e sectores da comarca.
O enfoque para o novo curso é “dunha renovación case total das actividades formativas co obxectivo de adaptarse ás novas necesidades e demandas das empresas da zona”, explicaron, engadindo que coa dita finalidade achegaranse formacións como acompañamento en transporte escolar, organización de almacén, operacións básicas de caixa, técnicas e procedementos de limpeza en aloxamentos, xestión de recepción, cociña, pastelería, peixaría, charcutaría… Ademais contará con formación adaptada ao manexo de novas tecnoloxías como Office, iniciación á creación de páxinas web, firma dixital, chatGPT e Intelixencia Artificial…
O programa terá unha duración de 12 meses e poderán participar 100 mulleres e homes desempregados e inscritos como demandantes de emprego. Como noutras edicións poñeranse a disposición das persoas usuarias servizos de conciliación, adaptación de horarios e tamén formación online para aumentar as posibilidades de interacción e participación.
Para levar a cabo este Programa Integrado de Emprego durante o curso 2025-2026, os concellos reciben unha subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración por importe de 220.000,00 euros.
O Programa Integrado de Emprego 2024/2025 dos concellos de Boiro, Rianxo e A Pobra rematouno mes de setembro cunha inserción laboral de 60 das persoas participantes nos principais sectores produtivos da comarca.
