Boiro e As Pontes acollerán un programa formativo sobre mercadotecnia dixital, emprego e cooperativismo

martes, 14 de setembro do 2021 S. P.

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI), presentou este 14 de setembro, xunto coa Fundación Paideia Galiza e a Deputación da Coruña o programa formativo Mercadotecnia Dixital, Empregabilidade e Coopeativismo. Acudiron ao acto de presentación Raúl Blanco, secretario xeral de Industria e PEME; Valentín González, presidente da Deputación da Coruña, Nieves Olivera, directora xeral da EOI, e Guillermo Vergera, vicepresidente da Fundación Paideia Galiza.
Este programa formativo, dirixido a menores de 30 anos en situación de desemprego, levarase a cabo en formato presencial entre o 20 de setembro e o 17 de decembro, e poderase realizar nos concellos de Boiro e As Pontes.
Ademais de recibir máis de 250 horas de formación, as persoas participantes crearán en grupo proxectos de cooperativas no sector da mercadotecnia dixital e poderán optar a un premio polo que recibirán apoio financeiro para a constitución e o desenvolvemento da súa cooperativa durante todo o ano 2022, incluíndo o salario dos participantes premiados.
Raúl Blanco salientou a importancia da colaboración público-privada para desenvolver este tipo de programas, así como a achega do Fondo Social Europeo no seu financiamento: “Grazas a estes fondos podemos contribuír a impulsar o emprego das persoas novas que máis o necesitan e apostar polo emprendemento cooperativo como unha das formas de traballo con maior impacto social e achega de valor ao territorio”.
En palabras de Guillermo Vergara, “o obxectivo deste proxecto é formar a mozos e darlles a coñecer as posibilidades de autoemprego e emprendemento colectivo no sector da mercadotecnia dixital, pondo o foco nas fórmulas de traballo cooperativo”.
Pola súa banda, Valentín González destacou que a iniciativa enmárcase “na aposta do Goberno provincial para potenciar o emprego e a creación de empresas con programas como o Plan de Emprego Local (PEL) que nos últimos anos axudou a crear 3.316 postos de traballo e apoiou a máis de 2.000 pemes e microempresas coruñesas para facer medrar os seus negocios".
A participación neste programa formativo é totalmente gratuíta e nel contarase con recoñecidas/vos profesionais da mercadotecnia dixital e do traballo cooperativo, referentes tanto a nivel galego como estatal. Como dixemos, as clases grupais levaranse a cabo de xeito presencial de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, contando con dúas sedes nas que poder realizar a formación: o LabBarbanza no concello de Boiro e na Casa Dopeso nas Pontes de García Rodríguez.
Durante o período de formación recibiranse ademais titorías individualizadas para o desenvolvemento de proxectos de cooperativismo no sector da mercadotecnia dixital. Estas propostas serán presentadas nunha xornada na que dúas delas serán recoñecidas cun premio polo que recibirán apoio financeiro para a posta en marcha da súa actividade durante o ano 2022, incluíndo salarios e gastos de constitución. Ademais, durante todo ese ano contarán co asesoramento da consultora Ernst & Young para a xestión e o desenvolvemento comercial das cooperativas gañadoras. Esta é unha iniciativa conxunta da Fundación Paideia Galiza, e a Escola de Organización Industrial (EOI), e a Deputación da Coruña. As persoas interesadas poden realizar a súa preinscrición na web de Fundación Paideia Galiza.

PUBLICIDADE