Boiro lanza unha campaña online para dar voz ás historias heroicas do empresariado local

xoves, 2 de abril do 2020 S. P.

A actividade da Asociación Boirense de Empresarios (ABE) prosegue a toda vela no ámbito dixital e dando forma a todo tipo de actividades que axuden ao sector a recuperarse do actual Estado de Alarma e das medidas de restrición e confinamento. Entre estas actividades atópase a campaña online HeroesHeroínasBoiro, unha iniciativa para contar ao mundo as historias das asociadas e asociados: historias de solidariedade, fraternidade, esforzo e creatividade en tempos de crise sanitaria.
A campaña presentada este xoves 2 de abril ten a súa orixe na constatación da dura realidade pola que están a pasar os establecementos e as empresas locais en xeral: “Dende a ABE somos conscientes do durísimo momento polo que está a pasar todo o tecido empresarial, tanto os que tiveron que pechar os seus negocios como os que seguen abrindo cada día as portas para que todas e todos teñamos acceso ás necesidades básicas”. Para a ABE, engádese, “elas e eles son heroínas e heroes e por iso queremos darlles o recoñecemento que merecen”.
A primeira historia será a de Cimadevila Saúde, pero está claro que non será a última. En breve, explica a asociación boirense, “sumaráselle esa pequena tenda de alimentación que segue dando servizo a toda a veciñanza, ese comercio que tivo que gardar no almacén os seu pedidos e pechar a porta dende o primeiro momento, as fábricas que seguen a producir alimentos, o bar que veu como se lle ía a perder a súa mercancía, as farmacéuticas e farmacéuticos que seguen ao pé do canón coidándonos, os transportistas que nos fan chegar os produtos, as gasolineiras que seguen atendendo aos transportistas, e un montón de historias máis que seguro nos poden contar...”.
A ABE engade que non se trata dun concurso nin de procurar a mellor das historias, só se trata de reflectir a voz da xente e recompilar algunhas das súas vivencias neste intre de crise sanitaria, “voces que merecen ser escoitadas”.
As persoas que queiran participar poden enviar as súas contribucións ao correo info@abe.gal, de forma escrita, ou contándoa en primeira persoa en formato vídeo, as historias serán publicadas nas nosas RRSS baixo a etiqueta #heroesheroinasboiro.

PUBLICIDADE