Boqueixón acolleu unha charla sobre como evitar o mal uso das TIC, na que participaron unhas 15 persoas

luns, 3 de maio do 2021 S. P.

A Casa da Cultura de Camporrapado (Boqueixón) acolleu o pasado venres unha charla informativa sobre como facer un uso racional e útil das novas tecnoloxías e evitar condutas sen control e adicións a determinados servizos e ferramentas. Esta sesión veu da man do Servizo de Prevención de Condutas Aditivas de Boqueixón-Teo-Touro, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.
A charla foi impartida por profesionais dun gabinete psicolóxico de Santiago. Durante as dúas horas de duración da sesión abordáronse os principais perigos que supón un mal uso das novas tecnoloxías da información. Neste senso, fíxose fincapé no emprego do móbil, das redes sociais, dos videoxogos e dos xogos en liña, poñéndose o foco nos perigos que poden supoñer estes servizos para menores de idade que non estean supervisados por adultos.
Ofrecéronse unha serie de pautas a seguir. Unha das claves, díxose, é establecer unha comunicación efectiva cos fillos e coas fillas co “fin de espertar o seu espírito crítico e para coñecer a súa opinión sobre as distintas ferramentas que teñen á súa disposición na Rede”, conversas que servirían tamén ás nais e pais para “advertirlles sobre os perigos que poden supoñer as novas tecnoloxías e como deberían utilizalas dunha forma axeitada”. Ademais, facilitáronse recursos como webs e series para que os e as familiares afonden nesta temática.
A charla foi moi ben acollida pola quincena de persoas asistentes, recoñecendo a súa utilidade á hora de aplicar as indicacións recibidas no día a día. De feito, acordouse estudar a organización dunha segunda sesión sobre esta temática.

PUBLICIDADE