Boqueixón organiza entre xullo e agosto un Campamento Dixital para a mocidade
mércores, 28 de maio do 2025
O Concello de Boqueixón organiza este verán unha actividade de lecer tecnolóxico para a mocidade: un Campamento Dixital a través do que se convida a conciliar “combinando aprendizaxe e diversión”. Será gratuíto e estará destinado ás crianzas de 9 a 13 anos. Este proxecto integral incorpora 30 horas de formación, con contidos adaptados que buscan garantir a inclusión dixital mediante a adquisición de competencias fundamentais.
Durante o campamento, os participantes traballarán en temas clave como procura de información en Internet, creación de contidos dixitais, seguridade e privacidade, benestar dixital, prevención da desinformación e do ciberacoso e profesións emerxentes. Dende o Concello explican que “a través dunha metodoloxía flexible e probada, os estudantes obterán un certificado que avala as competencias dixitais adquiridas, abríndolles novas oportunidades no mundo actual”.
O campamento decorrerá do 21 de xullo ao 1 de agosto de 2025, no CPI Antonio Orza en horario de 10 a 13 horas (de luns a venres). As prazas son limitadas, para obter máis información ou para reservar a túa praza, contacta co número 981 513 115. Este proxecto está enmarcado no Programa CODI do Ministerio de Xuventude e Infancia e conta co financiamento dos Fondos Europeos Next Generation.