Borderlands chegará ás consolas da actual xeración por todo o alto

martes, 20 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Os afeccionados á franquía de Borderlands que deran o salto á nova xeración están de festa, pois Gearbox Software anunciou oficialmente que o 27 de marzo porá á venda para PlayStation 4 e Xbox One Borderlands: Una Colección Muy Guapa, que incluirá os xogos Borderlands: The Pre-Sequel e Borderlands 2 adaptados ás novas consolas, para poder gozar dos mesmos con todo luxo de detalles e incluso podendo gozar dos xogos a pantalla partida para catro xogadores. Tamén incluirán todos os contidos descargables que foron saíndo para os xogos.
No caso das versións para consolas de Sony cómpre destacar que os xogos contará coa funcionalidade de Cross-Save, ou sexa, que permitirá que as partidas de PS3 ou PS Vita destes xogos poidan transferirse á PS4, para poder continualas onde quedaron (con todas as melloras e a experiencia dos personaxes).
Os auténticos fanáticos a Borderlands que non se conformen cos xogos poderán intentar facerse cunha das 5.000 unidades que se venderán a nivel global da Edición Claptrap-in-a-Box, que incluirá un Claptrap por control remoto, ou sexa, un robot con cámara que poderase controlar mediante móbiles con Android ou iOS, e que vén acompañado polos xogos nunha caixa metálica e 12 exclusivas litografías. Esta exclusiva edición para coleccionistas terá o prohibitivo prezo de 349,95 euros, polo que non é de agardar que haxa problemas para facerse con ela antes da súa chegada ás tendas.


Vídeo no que podemos ver o Claptrap a control remoto da edición para coleccionistas de Borderlands: Una Colección Muy Guapa

PUBLICIDADE