Borderlands contribúe á creación dun museo do videoxogo

martes, 23 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Quen aínda non lle dera unha oportunidade á franquía de Borderlands, durante un par de semanas e grazas a un Humble Bundle terá unha excelente oportunidade para afondar nestes títulos que marcaron a millóns de xogadores en todo o mundo, xa que están a ofrecerse contidos das primeiras dúas entregas da saga valoradas en 146 dólares por 15 dólares.
O Humble Borderlands Bundle permite que pola cantidade que desexemos poidamos facernos co xogo Borderlands orixinal e varios dos seus contidos adicionais (Borderlands: The Zombie Island of Dr. Ned, Borderlands: Mad Moxxi’s Underdome Riot e Borderlands: The Secret Armory of General Knoxx), mentres que os que paguen máis da media (4,99 dólares no momento de escribir estas liñas) conseguirán tamén Borderlands 2 cos varios dos seus engadidos (Borderlands 2: Psycho Pack, Borderlands 2: Mechromancer Pack e Borderlands 2: Creature Slaughterdome) e un desconto do 75% para mercar Borderlands: The Pre-Sequel na Humble Store.
A partires de 15 dólares os usuarios poderán facerse tamén co pase de tempada de Borderlands 2, os engadidos Borderlands 2: Headhunter 5: Son of Crawmerax e Borderlands 2: Ultimate Vault Hunter Upgrade Pack 2, e un desconto do 25% na tenda en liña de 2K Games.
Unha magnífica promoción que nos ofrece Gearbox Software a través do Humble Bundle para achegar fondos para o National Videogame Museum que abrirá as súas portas en Frisco (Texas) a primeiros de setembro.

Este novo Humble Bundle pretende achegar fondos ao futuro Museo Nacional do Videoxogo en Frisco (Texas)


Vídeo promocional deste novo Humble Bundle

PUBLICIDADE