Bose prepara a nova xeración dos seus auriculares de alta gama

venres, 5 de setembro do 2025 Redacción

O 2 de outubro está previsto o lanzamento da segunda xeración dos auriculares Bose QuietComfort Ultra, unha evolución refinada da súa liña emblemática. Supón un salto cualitativo na experiencia sonora persoal, combinando deseño ergonómico, materiais de alta gama e unha arquitectura acústica pensada para a inmersión total.
O sistema de cancelación de ruído foi mellorado mediante a incorporación da tecnoloxía ActiveSense, que suaviza as variacións bruscas no ambiente sonoro, permitindo unha escoita máis estable e envolvente. Ademais, a funcionalidade CustomTune adapta a resposta acústica á morfoloxía específica do oído de cada usuario, optimizando a fidelidade sonora en tempo real.
Destaca tamén a incorporación do modo Cinema, que transforma a reprodución de contido audiovisual nunha experiencia tridimensional, equilibrando diálogos e efectos con precisión espacial. Esta capacidade de audio inmersivo, aplicada tanto a música como a vídeo, sitúa ao usuario no epicentro da escena sonora, como se estivese nunha sala de concertos ou nunha sala de cine.
A duración da batería alcanza ata 30 horas en modos estándar, e 23 horas cando se activa o audio inmersivo, o que garante unha autonomía prolongada mesmo en usos intensivos. O deseño, por outra banda, mantén a estética elegante e minimalista que caracteriza á marca, cunha estrutura metálica pulida e almofadas que distribúen a presión de maneira uniforme, favorecendo o confort durante longas sesións de uso.
Entre as características dos auriculares podemos salientar que permite a invocación do asistente de voz do noso móbil premendo prolongadamente o control de volume, sendo tamén destacable o feito de que permite o son sen perda nin retrasos a través de USB-C (podendo cargarse os auriculares durante o seu uso), aínda que para gozar de pouco retardo sen fíos tamén conta cun modo para xogos.
Os novos auriculares xa se poden reservar na tenda en liña da marca nos EE.UU. en catro cores (negro, violeta medianoite, area e branco) a un prezo de 449 dólares, polo que non sería de sorprender que o prezo de lanzamento en España fose o da súa xeración anterior (519 euros) pese a que actualmente se vendan a 349 euros.

Novo vídeo promocional de Bose