Bose renova os seus auriculares con cancelación de ruído

martes, 31 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Entre os auriculares sen fíos con cancelación de ruído e diadema destacan principalmente os modelos Sony e Bose, e dado que Sony lanzou o ano pasado os seus WH-1000XM4, os Bose QuietComfort QC35 II podían parecer anticuados (saíron á venda en 2017), de aí que o 23 de setembro vaian pór á venda os auriculares Bose QuietComfort 45, que nos EE.UU. terán un prezo de 329 dólares, ou sexa, que serán incluso un chisco máis económicos que os de Sony.
Os Bose QuietComfort 45 volven apostar pola comodidade, unha cancelación de ruído excelente, melloran o seu illamento de voz para conversas telefónicas (e videochamadas) máis nítidas, gozan dunha autonomía de até 24 horas e, como importante novidade, contan cun modo de funcionamento chamado Aware que vén a ser o que outras marcas chaman modo transparencia, no que os auriculares reproducen o son captado polos seus micrófonos externos, para poder escoitar o contorno sen ter que quitalos en momentos puntuais.
Outro elemento que destaca nestes auriculares é que contrólanse a través de varios botóns físicos (o que resulta do gusto de moitos usuarios), así como tamén contan con Bluetooth 5.1 multi-punto, ou sexa, que poden conectarse a varios dispositivos á vez.

Os Bose QuietComfort QC45 estarán dispoñibles en dúas cores

Vídeo promocional dos auriculares Bose QuietComfort QC45

PUBLICIDADE