Bota a andar o proceso de reserva de nomes de usuario de WhatsApp
luns, 29 de xuño do 2026
Tras moitos meses comentándose que WhatsApp estaba a preparar o lanzamento de nomes de usuario na súa plataforma para reforzar a privacidade, comeza o proceso de asignación de nomes de usuario personalizados, que facilitará a posibilidade de conversar con alguén sen ter que facilitarlle un dato tan sensible como é o número de teléfono.
Esta funcionalidade tamén poderá empregarse para a participación en grupos de WhatsApp, evitando así que unha chea de descoñecidos cos que simplemente tes algo en común puntualmente poidan teñan acceso ao teu número de teléfono para sempre.
Aínda non está definido cando pasará a funcionar esta prestación de WhatsApp, pero o que comeza esta semana é o proceso de reserva de nomes de usuario, de xeito que, quen teña a última versión da aplicación móbil instalada, poderá ir a Axustes -> Conta -> Nome de usuario para solicitar o nome de usuario que máis lles preste.
Dado que Meta xa conta con nomes de usuario en plataformas como Facebook e Instagram, nos vindeiros meses habilitarán un mecanismo para que creadores, empresas e organizacións poidan ter o seu nome de usuario habitual tamén en WhatsApp (evitando así tamén casos de suplantación).
Dende Meta aseguran que os nomes de usuario implementaranse de xeito gradual nos vindeiros meses, e notificarán a través de WhatsApp cando estean dispoñibles en cada territorio.
