Bq comercializa un tabletófono con pantalla de 5,7 polgadas

xoves, 21 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Bq está a consolidarse como un dos fabricantes que máis smartphones vende no mercado español, polos seus produtos cunha boa relación calidade-prezo, e atendendo ás tendencias do mercado, tras colocar no mercado smartphones con pantallas de 3,5, 4,5 e 5 polgadas, sorprende agora cun de 5,7 polgadas, o bq Aquaris 5.7, que está xa á venda por 259,90 euros e non só destaca pola súa grande pantalla Full HD, senón que tamén ten son Dolby integrado, un procesador de catro núcleos a 1,5 GHz para ter un bo desempeño, 2 Gb de RAM para facilitar o uso de varias aplicacións de xeito simultáneo, 16 Gb de almacenamento interno (ampliables mediante tarxetas microSD), cámaras de 13 e 5 Mpíxeles e unha xenerosa batería de 4.000 mAh (que debería permitirlle navegar pola Rede ata 7 horas seguidas).
Este novo tabletófono tamén conta con tecnoloxía de cancelación de ruído, LED físico de notificación, microUSB-OTG (o que permite que podamos conectar dispositivos como un teclado, un rato ou unha memoria USB ao móbil), Bluetooth, MHL (para ver os contidos do móbil no televisor), radio FM e, como toda a súa familia de dispositivos, dobre SIM. O seu grosor é de só 10 milímetros e o seu peso é de 191 gramos (o que non parece excesivo por estar repartido nunha grande superficie).

PUBLICIDADE