Bq pon á venda o seu primeiro tablet con Windows 8

luns, 9 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos días demos conta da importante actualización do catálogo de smartphones do fabricante español Bq, que conseguiu colocarse na terceira posición en vendas en España, detrás de Samsung e Sony, e non se limita a estrear dispositivos de pequeno formato, senón que tamén busca estar á última no sector dos tablets, para o que decidiu lanzar o seu primeiro dispositivo con Windows 8, o bq Tesla W8, que por 329,90 euros ofrece un ordenador completo con forma de tablet, resultando un produto moi interesante para certo perfil de consumidor que busca a mobilidade dos tablets sen ter que padecer as súas limitacións.
Este interesante dispositivo ten unha pantalla táctil IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles (16:10), funciona cun procesador Intel Atom Z2760 de dobre núcleo a 1,8 GHz (o que permite o uso de Windows 8 completo, e non do limitado Windows RT), 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas SD, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, USB e batería de 6.200 mAh. Este equipo cun grosor de 10,5 milímetros e un peso de 650 gramos non só permite executar as aplicacións para interfaces táctiles de Windows 8 (dispoñibles a través da Tenda de Windows), senón tamén as aplicacións tradicionais de escritorio, destacando polo feito de incluír a versión doméstica do Microsoft Office sen custo adicional.
Outro detalle destacable das tables con Windows 8 é a reprodución multimedia, por poden reproducir practicamente calquera contido, por estarmos ante un dispositivo que funciona cun sistema operativo de escritorio, non precisando de converter os contidos multimedia para poder gozar dos mesmos en mobilidade (o procesador integrado no bq Tesla W8 ten potencia suficiente para correr vídeos Full HD nos formatos máis populares).


Vídeo publicado por Bq no que explican os primeiros pasos que hai que dar co seu novo tablet

PUBLICIDADE