Bq renova o seu eReader Cervantes

venres, 20 de decembro do 2013 Marcus Fernández

O fabricante español Bq, rematando un ano no que no seu catálogo destacaron os dispositivos con Android, volve ás súas raizames e prepárase para as compras de Nadal renovando un dos seus produtos de referencia, o seu lector de libros electrónicos Cervantes, que agora é máis lixeiro (185 gramos) e delgado (9,5 milímetros). Este eReader está á venda por 129,90 euros e conta cunha pantalla de e-Ink Pearl de 6 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles con 16 niveis de gris e iluminación frontal, o seu control táctil faise mediante infravermellos para evitar reflexos, funciona cun procesador Freescale i.MX6SoloLite a 1 GHz (o que permite o paso de páxina en medio segundo), ten 4 Gb de almacenamento interno (o que deixa 2 Gb libres para o usuario e pode ampliarse mediante tarxetas microSD), ten conectividade Wi-Fi e conta cunha batería de 1.500 mAh.
Destaca por ter unha interface de usuario en inglés, portugués, español, catalán, éuscaro e galego e por ser capaz de ler documentos con DRM en PDF e ePUB e soportar tamén formatos como o FB2, MOBI, RTF, texto plano e mesmo documentos de Word, evitando así a molestia de ter que andar a transformar os documentos como acontece con outros dispositivos semellantes.

PUBLICIDADE