Brasil aposta polos drons da galega Aerocamaras para as súas inspeccións fotovoltaicas

mércores, 27 de xullo do 2022 S. P.

A compañía galega Aerocamaras, centrada no desenvolvemento de drons e na formación, vén de despregar en Brasil os seus equipos de vehículos aéreos non tripulados para facerse cargo dos labores de inspección de varios dos seus parques fotovoltaicos.
A empresa con sede en Lalín lembra que “cada vez é maior o número de países que están a apostar por reforzar as súas fontes de enerxía renovábeis, en parte debido á crecente demanda enerxética que se está vivindo en todo o mundo”. Este feito impulsa a incorporación da tecnoloxía dron como “ferramenta indispensábel” para reducir os tempos de inspección e mellorar a precisión das medicións, sinala.
Entre os parques adxudicados a Aerocamaras atópase o de Pirapora, a maior central fotovoltaica de América Latina e unha das máis extensas do mundo. O terreo conta con máis de 800 hectáreas, equivalente a 1.200 campos de fútbol, e dá acubillo a máis dun millón de paneis solares. O despregue realizado pola empresa galega permitirá reducir gastos e incrementar a eficiencia e a rendibilidade: “Até o momento a maneira convencional na comprobación de fallos nos módulos dos paneis solares e tomas de temperaturas implicaba un elevado custo de tempo e recursos, tanto humanos como económicos, pola gran extensión destes parques solares. Mentres que incorporando a estes traballos drons equipados con cámaras térmicas, infravermellas e HD conséguese, dunha soa pasada, gravar ao completo un parque solar e mellorar os tempos de inspección e reacción ante calquera fallo”, explica Jaime Pereira, director executivo de Aerocamaras, que engade que “a nosa experiencia en Brasil está a ser moi positiva, e nos primeiros días que levamos operando cos nosos aparellos aéreos estamos a reducir un 85% os tempos de inspección”.
Segundo explica Pereira, co uso de drons “podemos detectar calquera anomalía ou dano en pouco tempo para garantir que se estea xerando a produción eléctrica esperada e tamén alargar a vida destas estruturas”.
Tamén fai saber que este tipo de inspeccións requiren o uso de drons de última tecnoloxía para detectar posíbeis paneis defectuosos que presenten variabilidade térmica debido a problemas de conexión, danos físicos ou residuos.

PUBLICIDADE